Friday 03 de May de 2024

A veciñanza da Pobra pode presentar a documentación para o servizo de comedor sobre rodas a partir do 24 de xaneiro


Unha vez finalizado o proceso administrativo relativo ao servizo do comedor sobre rodas, a partir da vindeira semana a veciñanza interesada poderá solicitar información ao Departamento dos Servizos Sociais da Pobra do Caramiñal, mediante o teléfono de contacto 981832764, para se informar de se pode optar a esta axuda e, de se-lo caso, presentar a documentación do 24 de xaneiro en diante. Así, xa se poría en marcha, de ser posible, a primeiros de febreiro, segundo explicou a concelleira dos Servizos Sociais, Amparo Cerecedo (BNG). Trátase, en palabras da edil, dun “servizo de comida en quente a domicilio para aquelas persoas dependentes ou que están en risco de exclusión social e o que pretende é facilita-la vida dentro do seu entorno.”

Esta prestación, que contará con financiamento para gastos sociais da Deputación da Coruña, busca facilitar e garantir unha alimentación equilibrada e de calidade, adaptada ás necesidades das persoas maiores e/ou dependentes que non poden valerse por si mesmas para cubri-las súas necesidades básicas relacionadas coa compra ou elaboración do catering. Contarase cunha nutricionista que controlará os pratos, os cales serán elaborados adaptados ás necesidades de cada persoa usuaria, baixo unha prescrición médica, de se-lo caso.

Os menús constarán dun primeiro, segundo e mais sobremesa, e entregaranse de luns a venres, agás nos festivos, en horario de 12.00 a 14.30 horas no propio domicilio.

O prezo de licitación é de 7’35 euros diarios, IVE incluído, pero contarase con bonificacións que se aplicarán seguindo unha serie de criterios de valoración para así “facilita-la vida no noso concello a aquelas persoas que teñen máis dificultades”, tal e como expuxo a concelleira.

Poderán ser beneficiarias do comedor sobre rodas aquelas persoas ou unidades familiares de convivencia empadroadas e residentes no concello da Pobra do Caramiñal, cun estado de necesidade recoñecido polos Servizos Sociais Comunitarios Básicos e sempre que cumpran uns requisitos recoñecidos para a súa concesión. Entre os requisitos xerais das persoas beneficiarias figuran o de seren maiores de 60 anos con limitacións de autonomía persoal e que non conten con apoio para desenvolverse por si mesmas; seren menores de 60 anos que por circunstancias persoais e/ou sociais precisen o servizo; ou seren dependentes que carezan de axuda para se desenvolveren na elaboración das comidas.